Palabras para Isaac

Prezado Isaac, desde o afecto e a admiración que che profeso se entenden estas palabras de benvida, cando acabas de ser investido cabaleiro da nosa Irmandade.

Ao acollerte entre nós non facemos máis que un acto de xustiza, ao tempo que che expresamos a nosa adhesión polo teu compromiso, o teu esforzo, a túa modélica traxectoria nos máis diversos eidos: a arte, o diseño, a empresa, a edición, a arquitectura, a cerámica…. En todas e tan varias facetas estamos a falar dunha persoalidade única, dun home excepcional, unha figura protéica que ergueu sinais de identidade desde as raiceiras máis fondas da nosa terra. 

Así, alleo a calquera tentación de victimismo, contra toda resignación ou fatalismo, déchelle forma a unha abstración e fixeches da cultura galega algo concreto, visíbel, que permitiu tanto a expresión artística do noso ser como a viabilidade económica, harmonizando de maneira exemplar pragmatismo e utopía, pois se necesario é o primeiro, indispensábel resulta tamén o soño para enxergarmos un País dono de si e do seu destino.

“O pai asasinado a nai entolecida polo crime que lle levou ao home querido” -escribe Manuel Rivas. E non obstante, fronte a tanta e tan desgarrada dor, o que atopamos é a grandeza moral, a xenerosidade extrema, e superando a íntima traxedia persoal e familiar, ser capaz de seguir sen odios nin rancores: “Coido que fixen todo o posíbel para superar o trauma e para enterrar calquera resentimento, mirando cara adiante, poñendo por encima de todo a miña esperanza no futuro para axudar a vivir a todos, un futuro que cómpre erguer sen esquecer a historia, pois malo sería un futuro construído sobre unha historia mentida ou ignorada”.

En coherencia con ese sentimento e ese pensamento, pós a andar, Isaac, unha vasta obra que se fragua nos anos da emigración en Arxentina, naquela experiencia de 1955 no taller da Magdalena, a 100 quilómetros de Buenos Aires e que tería continuación, ampliada, no regreso a Galiza, coa restauración do Complexo de Sargadelos, o Seminario de Investigación, o Museo Carlos Maside, o Laboratorio de formas, Edicións do Castro, o Instituto Galego de Información… Sempre desde a máxima fidelidade á nación histórica e cultural, mantendo criterios intelixentes e solidarios, e situando a Galiza como norte e guía, razón e forza da túa vida. 

Nesa tarefa de recuperar a memoria, de recuperar os nosos recursos, os nosos sinais de identidade, tantas veces en mans alleas, estamos e estaremos sempre ao teu carón. 

“Moito peor que o dente máis afiado da serpe é a ingratitude” - di Shakespeare. Comprendemos que vives un momento difícil, que te podes sentir perseguido, que te podes sentir destronado, pero nunca vencido (e menos polos que queron facer de Sargadelos un Cagadelos -a expresión é túa-).

Nos trances amargos, complicados, é cando máis se valora o calor e o apoio dos amigos. Recibe, querido Isaac, o testemuño do noso afecto, da nosa gratitude, do noso recoñecemento, da nosa amizade.

Grazas.

Asdo. Xulio López Valcárcel
Hostal dos Reis Católicos
13 de marzo de 2010