23 de Outubro do Ano Santo de 1999

APÓSTOLO SANTIAGO:

Ante Ti os compoñentes da "IRMANDADE DOS VIÑOS GALEGOS", grupo de homes para quen o viño é unha expresión da simbiose da natureza e o esforzo humano: "Froito da vide e do traballo do home" reza a liturxia.

Aínda que peregrinos, nin somos estranxeiros nin vimos de terras estrañas. Somos un fato de galegos, uns de nación e outros de vocación, pero todos de corazón nunha peregrinaxe que é sobre todo expresión dun sentimento de esperanza.

Emprendemos a viaxe seguindo o rastro da Vía Láctea, ó igual que milleiros de persoas. Conscientes de que hai tantos camiños como peregrinos, iniciamos a nosa peregrinaxe cada un no seu lugar, na porta da propia casa e polos máis variados rueiros chegamos á meta, ata Ti, na Fisterra galaica, onde están soterrados reis e princesas.

Para nós Compostela e o Camiño de Santiago son causa e froito a un tempo da nosa civilización, e de Europa. Tódolos vieiros de Europa rematan en Compostela, na inmensidade da pedra do Obradoiro coroada polo Pórtico da Groria do Mestre Mateo.

A historia ven de lonxe.: No ano 950 o bispofrancés Godescalgo de Puy recorre o Camiño que será a consagración do europeísmo militante. A chamada do teu sepulcro en Compostela desatou un dos maiores movimentos de masas da cristiandade, que, como observou Dante, deu orixe á palabra peregrino. "Europa fíxose peregrinando a Compostela", escribiu Goethe; aquela Compostela que aparece en Shakespeare, en Chaucer... e tamén un ben cultural incalculable, feito social que propiciou o xurdimento da noción de identidade europea.

Unha corrente cultural que desde o medievo, con abalos e devalos, chega e continuará no terceiro milenio. O Camiño vaise constituír ademais como unha poderosa vía de intercambio de influencias e sintese cultural: un dos máis preciados froitos desta relación foi o florecemento da lírica galaico-portuguesa; trobadores e xograres crearon co repertorio autóctono e influencias de alén dos Pirineos un dos cancioneiros máis fermosos de Occidente. Entre ós moitos peregrinos egrexios que chegaron a Compostela xa no 1137 acode o duque de Aquitania, que morre de gozo perante a imaxe do apóstolo, como ben lembra o Romance de don Gaiferos.

A nosa Irmandade quere facer realidade a cultura do viño, o máis complexo dos productos agrícolas. Ningún outro expresa tantos maties sensualmente palpables, consecuencia de moitos factores, fundamentalmente do tipo de solo, as condicións climatolóxicas, o tipo de viña, a variedade de uva e as prácticas vinícolas aplicadas.

A cultura do viño ven de antigo. Tivo gran importancia para as civilizacións grega e romana. Os gregos introduxeron viñas nas súas colonias do sur de Italia. Os romanos practicaron máis tarde a viticultura en todo o seu imperio (ainda que hai quen cre que a viticultura celta foi anterior á grega). Trala caída do Imperio Romano e co dominio dos seus territorios polas tribus xermánicas, a producción de viño disminuiu, converténdose nalgúns casos, nunha actividade exclusivamente monástica, xa que, calesqueira foran as circunstancias, o viño era necesario para os sacramentos cristiáns.

Co noso pensamento en Galicia estamos a loitar polas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, nas que se colleitan viños brancos lixeiros, ácidos, afrutados e de pouca graduación alcohólica coas súas variedades Treixadura e Godello. Os tintos, coas variédades Caiño, Broncellao, Mencia son asemade ácidos e deixan a súa característica mancha vermella nas cuncas onde se consumen.

Desde o principio da humanidade sábese que o viño, producto natural e ecolóxico obtido da fermentación do zume da uva, tomado con moderación é beneficioso para a saúde. Ao longo da historia o viño foi utilizado como estimulante, fonte de enerxía, e incluso no tratamento de diversas doenzas.

Escritos médicos antiguos e libros sagrados están repletos de citas louvando as propiedades sanitarias do viño.propiedades sanitarias do viño.

Hipócrates afirma que "o viño é cousa admirablemente apropíada para o home, tanto no estado de saúde como no de enfermidade, se se administra oportunamente e con xusta medida, segúndo a constitución individual».

Louis Pasteur chea a afirmar que "o viño é a máis sana e hixiénica das bebidas", gracias ó seu contido en diversos elementos favorables para o organismo.

San Paulo recomendaba: "Non prosigades en beber agua soa, senón usar un pouco de viño por causa do estómago e enfermídades frecuentes".

O viño identifícase asimesmo coa alegría: "Bendito Tí, Señor, que nos deches o viño que aleda o corazón do home", canta o salmista. No Eclesiastés pódese ler: "¿Que é a vida a quen lle falta o viño, que foi creado para contento dos homes? O viño bebido a tempo e con medida é regocixo do corazón e contento de alma".

Por algo dixo un vello petrucio: "A auga bendícese, o viño conságrase».

Sostén Álvaro Cunqueiro que o viño chegou a Galicia da man do Císter e iría unido á presencia dos grandes mosteiros medievais.

Coa aparición dos grandes cenobios e a presencia das ordes relixiosas, o desenvolvemento e o fomento da vide acada máis importancia. As migracións, a reforma do Císter e a relativa tranquilidade das terras conquistadas, deberon ser factores propulsores do cultivo, ó redor dos castelos, castros, plazas fortificadas e, sobre todo, dos mosteiros galegos; pódese relacionar o albariño e súa comarca co mosteiro de Armenteira, o rosal co de Oia, e o ribeiro cos de San Clodio, Oseira e Melón. Antes do século X case non hai documentos que proben a existencia de viño, pero a partires deste século hai documentación, en certa medida, importante.

Nos séculos XV e XVI non había mosteiro, convento, casa nobre ou cabido catedralicio que non tivese viño e casa no Ribeiro.

Seguindo con esta tradición loitamos pola divulgación e coñecemento dos bens culturais e económicos derivados dos recursos vinícolas e gastronómicos de Galicia.

E hoxe estamos aquí ante Tí formando parte da multitudinaria corrente humana que desde os catro confíns do globo acoden a túa Catedral para tratar de entender o significado do descubrimento da túa tumba nunha rémota aldea de Galicia, e o inicio das peregrinacións desde toda Europa.

Nós, un fato de amigos da cultura do viño, xa de cara ó terceiro milenio, vimos ata Tí, sabedores de que as badaladas das campás das torres da túa Catedral, melloran os caldos dos viños galegos nas rúas do Franco, da Raíña...

Cada un de nós, faiche a súa propia petición para si e para súa familia, e tamén polos irmandiños xa inscritos no escalafón celestial. E todos xuntos a Tí, a quen se lle debe a idea de Europa, pregámosche desde o fondo do corazón: "Apóstolo Santiago líbranos desa mala idea (incluso a palabra é noxenta) da Chaptalización que nos queren impor de alén dos Pirineos e que só bebamos viño natural, feito de uva e soamente de uva"

E remato, coas palabras que no último Ano Santo che dixo do noso Roi Xordo, "que algún día t&eoacute;dolos galegos que foron, que somos e que serán, na Túa Compañía e na Compostela Celeste, poidamos, todos xuntos, disfroitar dos viños do Paraíso. Temos a certeza serán como os nosos viños e terán a medida xusta da nosa sede".

Simbolicamente, iniciamos a peregrinación co bordón, "o cabalo de S. Francisco"; e rematámolo bebendo da túa cunca, a vieira, e ledos cantamos o antigo lema xacobeo. Sempre adiante, ou que é o mesmo, ¡Ultreia!

Asdo. D. Luis Rodríguez Míguez