SEÑOR SANTIAGO O MAIOR,

NOSO PADROEIRO:

SOMOS A IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS, unha confreiría de apaixoados, lúcidos e honestos bebedores que sabemos poñer limites á nosa sede. Chegamos a Santiago de Compostela, á que acedemos pola Porta de Mazarelos, a única que se conserva en pé, porque, por ela, como ensinan antergos textos, entraban na cidade os viños de antano como chegamos nós, humildes e fervorosos pelengríns.

Moitas gracias por recibirnos na soleira da Tua Casa, sentado no Pórtico da Gloria, apoiado no teu caxato de camiñante, lembrándonos a tantos e tantos irmaos nosos que tiveron a necesidade de irse polo mundo a gañar o pan de cada día, nunha dura loita pola vida.

Eiquí estamos, diante do Teu Altar, onde estás sentado como outrora os nosos vellos petrucios no escano, detrás do lar, contemplando o lume vivificador. Quixeche quedar con nós para sempre porque, como di unha vella panxoliña, pouco vai de galileo a galego. E viñeche polo mar marcando un camiño que, para boa parte do noso povo, é o lugar cotián dos seus traballos e dos seus días. Ti, que fuche pescador, determinache a vocación mariñeira da nosa xente. E, cando pasache para Compostela, escribiche no ceo, dos séculos polos séculos, un Camiño de Estrelas para que ollemos ao infindo e, como alguén dixo, intentemos o imposibel para acadar o posibel.

Esta Santa Eirexa Catedral Basí1ica Metropolitana é unha das grandes parroquias da Cristiandade e deunos, aos galegos, unha das cidades máis fermosas do mundo, fogar de nós e lexítima fachenda. Como dixo un poeta: "Eiquí, se hai estrelas, tamén a pedra voa".

Fai de nós un povo consciente, capaz de cumprir o seu destino, conservando sempre a sua singularidade. Defender e afirmar o noso non é escluir o alleo. Porque somos e temos vontade de universalidade cremos que dextar morrer unha singularidade, unha lingua e unha cultura como as nosas é un atentado contra a beleza, a harmonía e a riqueza do universo.

A nobre IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS defende un dos dons máis maravillosos, concedidos aos mortais: o viño, especie sacramental, sangue da terra, alegría do mundo, consolo de mágoas, calor do sol, fonte da vida. Eiquí con nós, no ceo da nosa boca, na nosa lembranza e no noso sentimento están presentes os viños do noso país, tan semellantes a nós: humildes, honestos, mansos, dóciles e tolerantes, cun sabor agridoce e unha incerta melancolía á que algúns chaman saudade. Eiquí están os viños de Valdeorras, Quiroga e Amandi, levando nas suas cores o ouro lexendario do Sil. Os do Ribeiriño e os dos dous Ribeiros -do Miño caudal e poderoso e do Avia escuro e cristaiño—, corazón viñateiro do pais e que dan "a temperatura do home". Os do Condado e Baixo Miño con nostalxias portuguesas, bos para namorados. Os do Rosal, perfumados co recendo mááxico do seu propio nome. Os do Salnés, agarimados das brisas do Atlántico neboento e misterioso, amigos dos versos de Don Ramón Cabanillas de Cambados e dourados cos roibéns alcendidos do solpor. Os de Chantada, cuio nome lembra o da toscana Chianti, ledos e xeitosos. Os humildes do Ulla, amparados polo Pico Sagro e os de Betanzos, escoitando a música labrega e demorada do Mandeo. En fin: todo o mapa viñateiro, variado e rico do Pais Galego. Viños que melloran en Compostela como nos ensinou, para sempre, Alvaro Cunqueiro: "Todos estes viños bébense en Santiago de Compostela mellor que en ningún lugar do mundo. Alí, entre pedra e ceo, trepitando nos bocois cando repican as campans basilicais, con ese frío de choiva e soedade... os viños do país asómanse ás tazas cos seus ollos de loiro de perla cando chegan ó remate da sua pelerinaxe. E, no Maio, pola Ascensión do Señor, na Carballeira de Santa Susana, os mellores ribeiros arrolan o polvo da Arousa, curado co vento atlántico..."

¡A pelerinaxe dos viños! Nunca tal se ollou. Os viños só peleriñan a Compostela pois é ben sabido que os viños nunca deben viaxar. Quen ten que viaxar é o bebedor.

Rogámosche
Santo da barba dourada,
vello honrado, meu patrón...
veles sempre, sempre endexamais, pola nosa nación galega, pola nosa xente, por esta IRMANDADE DOS VINHOS GALEGOS, coidando, dun xeito especial, as nosas vides. E, lembrando a Unamuno, noso Señor Santiago Pescador e Pelengrín, que eres o noso, manso e doce de corazón como somos os galegos, pedimosche, moi fondamente, nos liberes do Santiago Guerreiro e Matamouros.

Por remate fai que algún día tódolos galegos que foron, que somos e que serán, ba Tua Compaña e na Compostela Celeste, poidamos, todos xuntos, disfroitar dos viños do Paraíso. Temos a certeza serán como nosos viños e terán a xusta medida da nosa sede.

Que así sexa

Asdo. D. Manuel María, O Rei Xordo